Saturday 04 de May de 2024

A Xunta remata as 40 primeiras vivendas de promoción pública en Xuxán e avanza na construcción doutras 98 no mesmo barrio coruñés


— Ángeles Vázquez subliña a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento residencial desta zona, onde están previstas ao redor de 1.100 vivendas protexidas

— As 40 novas VPP adxudicaranse en réxime de alugueiro e o importe da renda que terán que pagar os seus inquilinos oscilará entre os 80 € e os 200 € ao mes

— O novo edificio ten tamén 5 baixos comerciais, 40 rochos e 89 prazas de garaxe

— O pasado mes de novembro a empresa pública Xestur sacou a concurso as 5 parcelas de solo residencial que ten aínda dispoñibles para venda neste ámbito

As primeiras 40 vivendas de promoción pública (VPP) construídas pola Xunta no barrio coruñés de Xuxán —o antigo Parque Ofimático— xa están rematadas. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá unha das 2 vivendas adaptadas para persoas con discapacidade coas que conta o edificio, onde anunciou que o seu departamento segue dando pasos para promover outras 98 VPP en 2 parcelas localizadas nesta mesma zona.

Neste sentido, a responsable autonómica salientou o compromiso e a aposta decidida do Goberno galego polo desenvolvemento residencial deste barrio da cidade da Coruña, unha das que concentra a maior demanda de vivenda de toda Galicia. De feito, indicou que a previsión é chegar a poñer á disposición dos coruñeses en Xuxán ao redor de 1.100 vivendas protexidas das cales, indicou, unhas 800 xa están construídas ou en diferentes fases de execución e proxecto.

O novo inmoble, cun investimento total por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) de 6,5 millóns de euros, está localizado na rúa Xosé Lesta Meis, ten 5 plantas e alberga tamén 5 locais comerciais, ademais de 40 rochos e un total de 89 prazas de garaxe. En canto ás características das 40 vivendas, 30 teñen 3 dormitorios e 90 metros cadrados; 5 son de dous dormitorios e de 65 metros; e 3 dispoñen de 4 dormitorios e 105 metros. Ademais, tamén hai 2 vivendas adaptadas dotadas de tres dormitorios.

Tras explicar que á falta tan só de pequenas correccións os traballos de execución están completamente rematados, a conselleira avanzou que nos vindeiros días está previsto que se recepcionen as obras para poder empezar co resto de trámites administrativos e coa solicitude de licencias.
As 40 novas VPP de Xuxán adxudicaranse en réxime de alugueiro, con rocho e unha praza de garaxe, entre as persoas que figuran inscritas na cidade da Coruña no Rexistro único de demandantes de vivenda protexida. A renda mensual que pagarán os futuros inquilinos dependerá en cada caso dos ingresos e dos membros que compoñan a unidade de convivencia do adxudicatario así como do tamaño da vivenda asignada, oscilando entre os 80 euros ao mes e un máximo de 200 euros ao mes.

En canto ás outras dúas promocións públicas que o IGVS está a impulsar no barrio, Ángeles Vázquez explicou que xa está adxudicada a redacción do proxecto construtivo para levantar nunha das parcelas outras 40 VPP, mentres que na outra, con capacidade para 58 vivendas de promoción pública, está previsto que se resolva a licitación do proxecto no primeiro trimestre deste ano. En total, a Xunta estima que a promoción destas 98 novas VPP en Xuxán requirirá un investimento de máis de 13 millóns de euros.

En todo caso, o compromiso da Xunta co barrio coruñés e a dotación de máis vivenda protexida na cidade non se traduce só no impulso directo de novas promocións. Tal e como subliñou a conselleira, nos últimos anos Xestur puxo á disposición de promotores privados e cooperativas o solo residencial do que é propietaria en Xuxán.

En concreto e no marco do concurso público convocado no ano 2019, vendeu tres parcelas nas que están proxectadas un total de 194 vivendas protexidas de promoción privada, das cales 90 xa están en construción. E en novembro do ano pasado sacou á venda as últimas 5 parcelas das que dispón neste ámbito para promover edificios residenciais de protección, uns terreos con capacidade para construír 254 vivendas.

19 M€ para urbanización e 14,5 M€ en terreos

A Xunta implicouse no desenvolvemento do antigo Parque Ofimático en 1991, adquirindo aproximadamente o 50% do solo por un importe de 14,9 millóns de euros. Desde entón, a empresa pública Xestur xa vendeu varias parcelas a cooperativas privadas para construír vivendas protexidas e tamén se adxudicaron dúas parcelas de uso comercial.

A maiores, o Goberno galego ten comprometidos ao redor de 19 millóns de euros nas obras de urbanización do solo residencial dos 2 polígonos nos que se divide Xuxán. Dese total, 15 millóns xa foron executados ou adiantados ao Concello e a Consellería ten reservados nos orzamentos de 2023 outros 3,5 millóns para seguir avanzando na urbanización da fase 1 de Xuxán, en execución e só pendente de obras de remate.